O Programa de Ciencias Mariñas impulsa a cooperación científica no sector marítimo e pesqueiro de Galicia

 

  • O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca a coordinación de recursos científicos e a importancia da investigación mariña para garantir a sustentabilidade do sector pesqueiro galego ante os retos do cambio climático
  • A través do Programa de Ciencias Mariñas, Galicia mobiliza máis de 10 millóns de euros e 250 investigadores para impulsar a innovación no sector mariño

 

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou na súa visita ao Centro Tecnolóxico do Mar -Fundación Cetmar o compromiso da Xunta de Galicia co Programa de Ciencias Mariñas de Galicia, unha iniciativa que coordina os recursos científicos e tecnolóxicos de forma integral co fin de asegurar a sustentabilidade do sector mariño fronte aos retos derivados do cambio climático.

Durante a súa visita, Villares reuniuse co equipo de coordinación do programa, integrado por polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), a Universidade de Vigo e o CETMAR. Esta colaboración busca unha mobilización coordinada e transversal que permita preservar a biodiversidade mariña e atallar os desafíos que o cambio climático impón sobre o sector marítimo e pesqueiro, como as consecuencias meteorolóxicas extremas, a redución da salinidade nas rías ou o aumento das choivas, entre outros.

Villares tamén puxo en valor o impacto futuro deste programa, ao considerar que os seus avances non só beneficiarán ao sector produtivo, senón que tamén potenciarán a sustentabilidade ambiental. O conselleiro sinalou que a contribución da ciencia é determinante para garantir unha xestión máis eficiente dos recursos mariños e da acuicultura e que temos que remar todos na mesma dirección para alcanzar solucións de futuro.

O Programa de Ciencias Mariñas, que se desenvolve en coordinación co Estado a través do PRTR, ten como obxectivo integrar os desafíos científicos nunha área chave para Galicia, como é a investigación mariña, ao tempo que promove a innovación tecnolóxica para mellorar a seguridade e a sostibilidade dos produtos do marisqueo e da pesca. Entre as liñas de investigación destacadas atópanse o desenvolvemento de ferramentas xenómicas e bioinformáticas para optimizar a produción acuícola e a mellora de criadeiros de bivalvos e a alimentación e benestar do rodaballo.

Ademais, estanse desenvolvendo proxectos para mellorar a monitorización mariña, a seguridade dos produtos pesqueiros e o cultivo sostible de especies como o polbo e o rodaballo. O Programa integra tamén un importante esforzo no ámbito das ciencias sociais para potenciar a capacidade da cultura científica e a transferencia do coñecemento na sociedade e para axudar a comprender as transformacións que todo isto pode implicar no entorno socioeconómico.

 

Incremento dos recursos para 2024

Por outra banda, o conselleiro do Mar mencionou que no Orzamento 2024 recóllese un incremento na financiación do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica do 50%, unha achega duns 7 millóns de euros. Isto supón que se incrementarán nun 40% os recursos relacionados co sector pesqueiro e os organismos científicos de Galicia. O obxectivo final é facer do coñecemento e a investigación uns piares fundamentais para o futuro sostible do sector galego.

 

Un mapa de ruta do futuro da ciencia mariña galega

O Programa en Galicia está dotado con 10 millóns de euros, 6 millóns achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os Fondos do Programa Next Generation EU, e 4 millóns da Consellería do Mar, Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). A súa finalidade é transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando a labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar.

Xunto a Galicia, as comunidades de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciá, Canarias, Illes Balears e Murcia, tamén participan no desenvolvemento do Programa nacional de Ciencias Mariñas – ThinkInAzul no marco dos Planes Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forma parte do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do estado.