13 Dec A V Asemblea do Programa de Ciencias Mariñas reúne a 200 expertos para abordar os retos do sector marítimo en Galicia
- O encontro destacou a colaboración entre ciencia, tecnoloxía e sociedade para a xestión sostible dos recursos mariños
- A monitorización do medio mariño, a acuicultura sostible e a transformación social e económica foron as temáticas a tratar entre investigadores e axentes clave do ecosistema marítimo galego
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia celebrou a súa V Asemblea na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela que reuniu a máis de 200 participantes entre investigadores, representantes da administración e axentes dos sectores produtivos e sociais relacionados co mar. O evento, baixo o lema “Avances fronte aos desafíos identificados e encontro cos sectores do mar”, conseguiu fortalecer as conexións entre o ámbito científico, tecnolóxico e social para levar a cabo unha xestión sostible dos recursos mariños e mellorar a resiliencia dos ecosistemas do litoral galego. A reunión presentou avances nas áreas de observación e monitorización do medio mariño, a acuicultura sostible e a transformación social e económica.
A xornada foi inaugurada por Javier Alfonso Villares, conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, e J. Francisco Saborido Rey, coordinador científico do Programa e investigador do IIM-CSIC, quen destacou a importancia da colaboración entre ciencia, tecnoloxía e sociedade para afrontar os desafíos marítimos de Galicia. Durante o evento, ademais de presentarse os resultados científicos e tecnolóxicos do programa, estableceuse un diálogo sobre as necesidades e prioridades futuras do sector marítimo entre os participantes no programa e as partes interesadas (stakeholders).
Tres sesións temáticas para abordar os desafíos do mar
A xornada, organizada polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), el Centro Tecnológico del Mar-Fundación Cetmar e o Centro de Investigación Mariña de la Universidade de Vigo (CIM-UVigo) estruturouse en tres sesións que puxeron o foco nos principais retos científicos e tecnolóxicos do medio mariño, desde a observación e a monitorización ata a acuicultura sostible e a resiliencia dos ecosistemas costeiros.
Na primeira sesión, abordáronse avances significativos en tecnoloxías de observación e monitorización mariña, incluíndo novas plataformas bioxeoquímicas, sensores avanzados e o uso de intelixencia artificial para a análise ambiental. Tamén se presentaron ferramentas innovadoras, como drons para monitorización de macroalgas, un Laboratorio Virtual Mariño e simuladores de eventos extremos.
O segundo bloque explorou solucións tecnolóxicas e estratexias de innovación para garantir a sostibilidade e a resiliencia do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola. Presentáronse iniciativas como o uso de ferramentas xenómicas para mellorar as producións, a dixitalización das cadeas de valor no sector pesqueiro e sistemas de alerta para monitorizar riscos ambientais. A sesión concluíu cun debate centrado nas prioridades futuras para asegurar a sustentabilidade económica do sector, poñendo de relevo a súa interdependencia coa conservación dos servizos ecosistémicos.
A sesión da tarde centrouse na xestión adaptativa e resiliente do medio mariño, destacando o papel do Programa na creación de coñecemento para a toma de decisións informadas. Entre os temas abordados estiveron a aplicación do Ocean Health Index como indicador de saúde ambiental, a análise do carbono azul para cuantificar o valor dos ecosistemas costeiros e o impacto do cambio climático na vulnerabilidade das actividades marítimas. Tamén se discutiron as oportunidades ofrecidas pola nova lexislación para integrar estas investigacións nas políticas públicas e debateuse sobre novas estratexias para lograr unha transferencia de coñecemento transformadora dirixida a mellorar a capacidade do sistema e poder aproveitar os avances científicos en beneficio conxunto da sociedade.
Colaboración entre entidades de investigación
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia conta cun orzamento de 10 millóns de euros e está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Plan de Transformación Recuperación e Resiliencia con fondos Next Generation EU e o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar da Xunta de Galicia. O Programa forma parte do Plan Complementario de Ciencias Mariñas a nivel do Estado, no que ademais de Galicia interveñen as Comunidades Autónomas de Murcia, Andalucía, Comunidade Valenciana, Cantabria, Illas Baleares e Canarias.
O Programa está coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo). Ademáis, conta coa participación do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Instituto Galego de Formación Acuícola (IGAFA), MeteoGalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UdC).