A directora xeral de Enerxías Renovables explora sinerxías co Programa de Ciencias Mariñas para o deseño de políticas costeiras sostibles

 

  • A directora xeral de Enerxías Renovables aborda o desenvolvemento da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia (LOLGA) e propón colaboración científica para o seu avance

 

Paula Uría, directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, reuniuse coa coordinación do Programa de Ciencias Mariñas para explorar a colaboración entre a iniciativa e a Consellería de Medio Ambiente implementación da Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral de Galicia (LOLGA). Uría salientou a importancia de integrar os avances científicos no deseño de políticas costeiras sostibles.

Durante a reunión, presentáronse as tres liñas de actuación que se están a desenvolver no Programa, especialmente en relación á estratexia de gobernanza mariña e as ferramentas de observación e monitorización que se están a desenvolver.

A LOLGA, unha normativa pioneira que busca a xestión sustentable do litoral galego desde un enfoque ecosistémico, precisa dun soporte científico para garantir a súa correcta aplicación. Neste contexto, Uría destacou a necesidade de articular unha colaboración estreita coa comunidade científica galega, considerando o papel que o Programa de Ciencias Mariñas pode xogar no desenvolvemento das accións vinculadas á xestión integral da costa.

Un dos temas centrais abordados foi a utilidade das tecnoloxías e servizos interdisciplinarios que se están a desenvolver dentro do proxecto. Estes inclúen ferramentas de monitorización mariña que poden aplicarse na detección de ameazas ambientais e no seguimento da calidade dos produtos mariños. Uría mencionou tamén a relevancia de temas como as enerxías renovables mariñas, suxerindo a posibilidade de tratar estes temas en futuros encontros baixo o paraugas do “Xoves de Mariñas”, un espazo de debate científico promovido polo programa.

Finalmente, ambos equipos acordaron iniciar traballos conxuntos para asegurar que a base científica necesaria para a implementación da LOLGA estea consolidada e exploraron posibles vías de financiamento rexional, nacional e europeo para garantir a continuidade do programa e a súa colaboración cos obxectivos da Consellería.

 

Alianza Galega polo Clima

A Directora Xeral fixo referencia á creación da Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa que involucra a máis de 300 empresas galegas e manifestou o seu interese en establecer unha colaboración conxunta co Programa de Ciencias Mariñas.

 

Un mapa de ruta do futuro da ciencia mariña galega

O Programa en Galicia está dotado con 10 millóns de euros, 6 millóns achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os Fondos do Programa Next Generation EU, e 4 millóns da Consellería do Mar, Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). A súa finalidade é transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando a labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar.

Xunto a Galicia, as comunidades de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciá, Canarias, Illes Balears e Murcia, tamén participan no desenvolvemento do Programa nacional de Ciencias Mariñas – ThinkInAzul no marco dos Planes Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forma parte do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do estado.