Thinkin Azul España

O programa de Ciencias Mariñas de Galicia presenta os seus avances nunha asemblea que reúne en Santiago a máis de 170 investigadores

Durante a xuntanza, que tivo lugar hoxe na Cidade da Cultura, desenvolvéronse 36 relatorios agrupados en 5 paneis por parte de expertos de 10 institucións

A xornada serviu para presentar aos membros do comité experto externo, un órgano consultivo independente que prestará asesoramento e apoio estratéxico

 

A cuarta asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia reuniu hoxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a máis de 170 investigadores, nunha xornada na que se presentaron os avances do plan e os resultados e coñecementos xerados ata agora, grazas ao traballo desenvolvido polas 14 institucións e centros de investigación implicados no mesmo.

Como novidade nesta edición, presentáronse os membros do comité experto externo, un órgano consultivo independente creado polo propio Programa de Ciencias Mariñas de Galicia co obxectivo de recibir asesoramento externo e apoio estratéxico, así como para avaliar a calidade da actividade científica e de innovación desenvolvida polo programa, promovendo ademais o seu aliñamento con outras iniciativas externas.

Composto por Arantza Murillas Maza, Eva García Vázquez, Dolors Furones Nozal, Juanjo Dañobeitia Canales e Xabier Irigoien Larrazabal que desenvolven a súa labor, pola mesma orde, no Centro de Investigación Marina e Alimentaria-AZTI, a Universidad de Oviedo, o Instituto de Investigación y Tecnología Agroalimentarias (IRTA), o Centro Mediterráneo de Investigaciones Marinas y Ambientales (Cmima-CSIC) e do NEOM de Arabia Saudí, este comité contribuirá ademais á difusión do programa galego e a transferencia dos seus resultados.

Esta cuarta asemblea do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia estivo estruturada en tres bloques temáticos e cinco paneis nos que se enmarcaron os 36 relatorios, que correron a cargo do persoal e mocidade investigadora de MeteoGalicia, IEO-CSIC de A Coruña e Vigo, IIM-CSIC, Intecmar, Cetmar, Cesga e das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

O coñecemento como panca para a xestión sostible do medio, a transformación social e a resiliencia no entorno litoral; a investigación e innovación para unha xestión pesqueira e unha produción acuícola sostible e intelixente, e a estratexia integrada de observación e monitorización mariña en Galicia foron os tres eixes temáticos nos que se enmarcaron as 17 presentacións desenvolvidas ao longo da mañá e da tarde.

 

Información aos medios

Dentro de cada bloque houbo a maiores 19 charlas curtas a cargo da mocidade investigadora que está a traballar nas institucións e centros de investigación comprometidas no programa, que tiveron así oportunidade de presentar os avances no desenvolvemento de ferramentas innovadoras para a observación mariña ou para a xestión dos recursos mariños, e de novos modelos para a produción acuícola, entre outros.

 

 

Financiamento

O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia está dotado con 10 millóns de euros, 6 millóns achegados polo Ministerio de Ciencia e Innovación mediante os Fondos do Programa Next Generation EU, e 4 millóns da Consellería do Mar, Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (Fempa).

A súa finalidade é transformar e mellorar a resiliencia da Galicia do mar, coordinando e impulsando a labor de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e o diálogo entre o sector científico e de innovación e a sociedade galega. Esta dirección estratéxica céntrase na ciencia mariña e busca fomentar a colaboración entre a comunidade investigadora galega e os axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar.

Coordinado polo IIM-CSIC, Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR, e do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), o Programa conta coa participación do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Instituto Galego de Formación Acuícola (IGAFA), MeteoGalicia, o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Universidade de Santiago de Compostela (USC)
e a Universidade da Coruña (UdC).

Xunto a Galicia, as comunidades de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciá, Canarias, Illes Balears e Murcia, tamén participan no desenvolvemento do Programa nacional de Ciencias Mariñas–ThinkInAzul no marco dos Planes Complementarios de I+D+i coas Comunidades Autónomas, que forma parte do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do estado.

 

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería do Mar