-
Galicia reivindica o seu compromiso cunha ciencia mariña transformadora, participando no debate internacional e contribuíndo á axenda global para a protección dos océanos.
-
O Programa participa cunha destacada contribución científica neste foro internacional sobre cambio climático, contaminación mariña e alfabetización oceánica que serve de base científica para a Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos (UNOC3).
O Programa de Ciencias Mariñas de Galicia participa no congreso One Ocean Science, celebrado en Niza (Francia) do 3 ao 6 de xuño, levando a excelencia e diversidade da ciencia mariña galega a un dos foros máis relevantes a nivel internacional. O encontro, organizado polo Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) e o Institut Français de Recherche pour l’Exploitation de la Mer (IFREMER), reúnese durante catro días expertos de referencia mundial para afondar nos retos que comprometen a saúde dos océanos e explorar solucións transformadoras para a súa xestión sostible.
O Programa presentou dous relatorios orais e doce comunicacións en formato póster sobre a resiliencia fronte ao cambio climático, contaminación química, acuicultura sostible, alfabetización oceánica ou a infraestrutura dixital para a xestión de datos mariños, reflectindo o amplo espectro de liñas de investigación que se desenvolven en Galicia no ámbito mariño.
Ademais, a coordinación e outros representantes do Programa participaron activamente en sesións de debate, defendendo o papel da ciencia como motor de transformación social e ambiental. Neste contexto, apoiaron de forma decidida a redacción e difusión do manifesto Science for Ocean Action, impulsado pola organización do congreso como chamamento colectivo a favor dunha acción global guiada pola evidencia científica.
“A ciencia xa é clara en moitos ámbitos, por iso precisamos actuar sen máis demoras. O océano non pode esperar. Ese é o espírito do manifesto e tamén do traballo que facemos desde Galicia”, sinala Fran Saborido, coordinador do Programa e investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC).
Pola súa banda, Daniel Rey, coordinador do Programa e director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo), subliñou que “a acción sen coñecemento é perigosa, pero o coñecemento sen acción é inútil. Desde Galicia apostamos por unha ciencia que transforme, que constrúa o futuro con responsabilidade”.
Esta participación sitúa á investigación galega no mapa internacional e contribúe a consolidar a súa presenza en espazos de decisión científica global. A través destas comunicacións, os grupos de investigación asociados ao Programa poñen de relevo o seu compromiso coa sustentabilidade, a conservación dos ecosistemas mariños e a xeración de coñecemento útil para a sociedade e para a formulación de políticas públicas baseadas en evidencias.
A relevancia desta cita vén dada tamén polo seu papel como base científica da UNOC3, que terá lugar na mesma cidade de Niza entre o 9 e o 13 de xuño, baixo o lema “Acelerar a acción e mobilizar a todos os actores para conservar e utilizar sustentablemente o océano”. Esta conferencia mundial impulsada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) aspira a apoiar novas medidas urxentes que garantan o cumprimento do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 14, centrado na conservación e uso responsable dos océanos, mares e recursos mariños, e a consolidar alianzas efectivas entre países, institucións científicas e sociedade.
A presenza galega neste foro internacional constitúe unha oportunidade para reforzar a proxección exterior da ciencia mariña feita en Galicia, nun momento clave para a axenda internacional sobre o océano.
Máis información sobre o Programa de Ciencias Mariñas de Galicia
O Programa en Galicia conta cun financiamento de 10 millóns de euros, aportados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a través dos Fondos Next Generation EU e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia mediante o Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA). Este programa, centrado na ciencia mariña, promove a colaboración entre investigadores e axentes sociais, económicos e institucionais vinculados ao mar. Está coordinado por Fran Saborido (IIM-CSIC), Rosa Fernández (CETMAR) e Daniel Rey (UVigo).
Forma parte do Plan Complementario de Ciencias Marinas – ThinkinAzul, xunto coas Comunidades Autónomas de Andalucía, Cantabria, Comunitat Valenciana, Canarias, Illes Balears e Murcia, dentro do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Estado.