O Campus de Vigo acolleu esta semana o curso “Transferencia do coñecemento e xestión da innovación nas ciencias mariñas”, unha formación presencial de tres días organizada polo Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), dentro do Paquete de Traballo 11 no marco do Programa de Ciencias Mariñas de Galicia. A actividade contou coa participación de máis dunha vintena de integrantes do programa, entre persoal investigador e técnico, interesados en fortalecer as súas competencias en materia de transferencia e impacto do coñecemento no ámbito mariño.

A través de tres módulos independentes pero complementarios, o curso ofreceu un percorrido metodolóxico e aplicado polos principais elementos que conforman o proceso de transferencia desde a identificación dos resultados con potencial transformador ata a súa protección legal e explotación práctica no contexto socioeconómico galego e europeo. A formación combinou sesións teóricas con dinámicas e obradoiros prácticos, centrados en casos reais.

Na primeira xornada, impartida por Rosa Fernández Otero, coordinadora da área de promoción e transferencia do CETMAR, abordouse o enfoque conceptual e operativo da transferencia do coñecemento desenvolto en diversas actividades do Paquete de Traballo 11 do Programa. Este enfoque baséase en abordaxes integrais que promoven unha transferencia máis resiliente, sostible e orientada ao benestar, facilitando que os resultados xerados poidan atopar unha aplicabilidade real en sectores concretos. Durante a sesión desenvolvéronse dinámicas prácticas para identificar, analizar e planificar accións de transferencia a partir de resultados do propio programa, así como para propor medidas que axilicen o seu proceso de implementación en contornas socioeconómicas.

O segundo módulo, conducido por Ángeles López, directora da oficina de transferencia de coñecemento da UVigo, achegou unha visión actualizada do ecosistema galego da innovación e a transferencia no ámbito mariño e das vías de colaboración e xeración de innovacións en materia de I+D+i. Por outra banda, Cristina Quelle, coordinadora de innovación e transferencia do CIM, presentou oportunidades de promoción e  convocatorias de financiamento nacionais e europeas centradas no sector mariño.

Na última sesión, Jose Jato, técnico superior de I+D na oficina de transferencia  da UVigo, abordou os aspectos relacionados coa protección da propiedade intelectual, a valorización tecnolóxica e a explotación dos resultados. A través dun obradoiro práctico, o alumnado puido explorar ferramentas para avaliar o valor do coñecemento xerado e establecer vías para a súa transferencia efectiva a actores externos ao sistema científico.

Co obxectivo de facilitar o acceso aberto e continuado a esta formación, todos os contidos do curso serán publicados proximamente en formato MOOC na plataforma de formación en liña da Universidade de Vigo.